Da lectura e escritura

 

 


  Escribo para ordenar os meus pensamentos e as ideas novas e vellas que me veñen á mente consciente. A escritura é unha ferramenta fundamental precisamente para clarificar a mente e un pregúntase cómo farían os seres humanos antes da invención da escritura, pois fomos ágrafos durante a maior parte da nosa historia evolutiva. Cal será o papel da escritura na evolución cultural e material da humanidade? Tradicionalmente adxudicámoslle un grande valor e cóntannos nos libros de historia que grazas á escritura é que se puido transmitir o coñecemento de forma moito máis efectiva e rápida, favorecendo que persoas en lugares moi alonxados puidesen aplicar coñecementos prácticos e teóricos dos que non tiña nin idea e ver na práctica o resultado dos mesmos, que en moitas ocasións serían tan enormes que resultarían nunha transformación radical da realidade e da percepción da mesma.

    É certo que os humanos aprendemos fundamentalmente a través da imitación, sobre todo nos primeiros anos da nosa vida. Chámaselle a este tipo de aprendizaxe "aprendizaxe vicario", pero se engadimos a esta aprendizaxe toda a aprendizaxe potencial que podemos adquirir a través da palabra escrita, as posibilidades parecen infinitas. Sen embargo a escritura e a lectura están deixando de ter o papel central que levan tendo durante tanto tempo, en especial dende a invención da imprenta e a xeneralización da alfabetización. A tecnoloxía da información veu alterar o estatus da lectura e da escritura de forma dramática e formas de transmisión de información como a audiovisual e os podcast permiten a distribución e acceso  ao coñecemento de forma rápida e inmediata e permiten chegar a lugares alonxados e mesmo remotos.

      Lin nalgún lado q,ue cada vez que se o ser humano introduce  na súa cultura unha nova ferramenta, un novo material ou un novo sistema que trae cambios trascendentais, se expón a un perigo potencial de extinción. De feito, a chegada da palabra escrita e da alfabetización supuxo para os Yazhidíes a súa case desaparición como pobo, ca chegada dunha das tres "relixións do libro", o Islám, para o que era fundamental estender a alfabetización de maneira que todos poidesen ser capaces de ler o Corán. O camiño que tomaron os Yazhidíes foi prohibirlles aos membros da súa comunidade que aprendesen a ler, para garantizar a preservación da súa cultura e relixións, milenarias e moi anteriores ao Islám no que hoxe é a zona kurda de Iraq. Desta forma foron capaces de chegar aos nosos días preservando a súa identidade, anque hai que dicir que son e foron obxecto de persecución por parte de poderes relixiosos e seculares de todo tipo.

    Para min a lectura e a escritura son como o ar e a auga. Medrei nunha casa labrega na que sorprendentemente había unha biblioteca moi completa e numerosa. O meu avó paterno foi un home moi interesado na cultura e reuniu unha serie de libros que ían dende clásicos latinos, filosofía , tratados de escritura, de arquitectura, de xeometría e tamén algúns libros de ficción. Sempre me pareceu natural ter libros na casa, nun contexto cultural e temporal no que non era común, e iso percibíao no colexo, onde os meus compañeiros e compañeiras nin amosaban grande interese polos libros nin pola lectura. Para a miña sorte, medrei sendo a pequena das irmás e era moi normal recibir como regalo de aniversario ou de Natal un paquete de libros , que lía con gran avidez desde moi pequena. Por iso os libros van e veñen conmigo a todos os lados e van aumentando en número e variedade, e conto cunha biblioteca nada despreciable á que nunca deixo de engadir libros. Ás veces pregúntome que ben me fai gastar recursos que precisaría para outros usos, en máis libros, mais eu sigo na miña de coidar e aumentar a biblioteca, coma quen coida dunha planta e é feliz vendo como medra. Claro, máis práctico e barato é mercar libros electrónicos, e tamén iso fago, pero nada hai como ler directamente dun libro impreso, ir pasando as follas e avanzando nel según sexa o noso ánimo do día.

   Teño intención de seguir escribindo sobre este tema, xa que hai varias cousas que me preocupan a respecto do papel que xoga a lectura e a escritura na evolución da personalidade e incluso na espiritualidade, e teño varios exemplos que poñer e sobre os que reflexionar arredor de min. Será materia dun próximo escrito xa que me chaman as obrigas familiares de fin de semana. 

 

 

 

     

 

     

 

Comentarios

Entradas populares de este blog

Enfiando ideas.

Nós, os disléxicos

Recuperar a identidade perdida