Cando as ideoloxías nos posúen
O malo da actividade política é que está chea de valoracións subxectivas, opinións enfrontadas e guerras abertas e enquistadas en maior ou menor medida. Temos ademáis a tendencia a nos identificar coas xa existentes correntes ideolóxicas, coma quen se fai hincha deste ou daquel equipo de fútbol. Dicía Nietche que as ideoloxías toman posesión das persoas e non ao contrario, o cal explica o fanatismo co que defendemos as políticas de tal ou cal partido co que nos identificamos, sen practicamente facerlles crítica ningunha ou pasalas polos nosos propios filtros e analizar se o seu contido pega ben coas nosas posturas persoais ou se nos ten sentido. Así é como a grande maioría da poboación considerada "activa" en política renuncia a expresar o seu punto de vista e aportar ideas sobre como mellorar as propostas, e así é como os partidos políticos se convertiron nun grande poder manipulador de masas que secuestrou incluso a mesma idea de democracia. Non concebimos a democracia doutra maneira que non sexa exercida a través dos partidos políticos.
Como estructuras humanas que son, os partidos politicos teñen tendencia á xerarquía e á rixidez e exercen mecanismos de control e poder sobre os seus membros, que case sempre acaban por convertir o propio partido nunca organización antidemocrática, endogámica e sectaria que impide as voces discordantes e críticas no seu seo. Idealmente, os partidos soñan con "agrandar a súa base" para convertir a máis e máis persoas en "militantes" e por tanto sometelos ao seus sistemas de funcionamento interno, para conseguir ter maior poder que lles permita enfrontarse con maior fortaleza aos outros partidos "adversarios" e así impoñer sobre eles a súas ideas e as súas políticas. É unha constante danza de poder baseada en estructuras antidemocráticas enfrontadas que dan a sensación e a idea de que ofrecen diferentes "produtos" aos votantes, coma se fosen queixos nunha feira.
Polo xeral, os políticos profesionais parécense todos entre sí, sen distinción de ideoloxías, e a súa linguaxe corporal e forma de comunicarse en público etc son idénticas, porque todos aceptan un mesmo modelo de ideal de representante político, que é o exitoso, e que fai que haxa tanta homoxeneidade no discurso, nas formas, que ben poderían todos pertencer ao mesmo partido, uns máis conservadores, outros máis liberais. Existen, sí, uns clichés, cos que se identifican as diferentes ideoloxías, e tratan de incorporalos, en forma de detalles simbólicos, para que o público poida diferencialos: cortes de pelo máis tradicionais, maís modernos, roupa máis formal ou informal, forma de dirixirse ao público máis "cercana" ou menos... Pero ao final, o resultado das súas accións políticas móstranos que todos e cada un deles concordan nas reglas fundamentais da actividade e ca súa aceptación cercenan efectivamente calquera posibilidade de diferenciación nos resultados das súas políticas, xa que tamén niso existe homoxeneidade.
Todo isto fai que a participación na actividade política sexa unha posibilidade moi difícil de contemplar por parte das persoas que máis poderían aportar a unha política honesta e sinceira, baseada nos intereses públicos e no ben común. Estas persoas prefiren manterse alleas e esfórzanse por facer o seu traballo cada vez mellor nos seus respectivos campos profesionais e atopan satisfacción precisamente niso. Grazas a eles é que a sociedade non está máis corrupta aínda. A independencia política e a liberdade de pensamento son tesouros que hai que gardar e protexer e potenciar. O día en que os partidos políticos cumplisen o seu obxectivo de agrandar tanto as bases que non ficase ninguén fóra da órbita dun deles, que nos quedaría?
Cando eu fun militante dunha fronte política, moitas veces me pareceu que non existía verdadeira democracia interna e só cando se me fixo imposible de dixerir é que tomei a decisión de non continuar coa militancia. E así foi a partir dese tempo , toda a miña vida: non son moito de quedar para tratar de cambiar, ca miña acción, as cousas para mellor. É un defecto do meu carácter, sí. Se cadra busquei a perfección e xa sabemos que iso non existe. Ese é traballo daqueles caracteres constantes, persistentes e meticulosos, entregados a traballar por un obxectivo e que nunca renuncian ainda que os pasos sexan pequenos e os resultados exiguos. Oxalá haxa moitos deses militantes nos partidos políticos, que teñan unha visión democratizadora, aberta e inclusiva da política.
As existentes ideoloxías parece que son o resultado natural da conformación psicolóxica dos humanos, segundo dicen as máis recentes investigacións sobre este tema. Aparentemente as persoas máis creativas, compasivas, sociables, extrovertidas e interesadas nas ideas, teñen tendencia ás ideoloxías políticas consideradas de esquerdas mentras que as persoas máis conservadoras e pouco abertas a ideas innovadoras, concienzudas no traballo, ordenadas, socialmente adaptadas e, competitivas son máis propensas a identificarse con ideoloxías políticas consideradas de dereitas. Se isto é así, e non me cabe dúbida de que o é, significaría que estamos máis ou menos predispostos para comportarnos políticamente dunha determinada forma, e que sería natural que o resultado práctico sexa a existencia das actuais ideoloxías políticas expresadas en forma de partido político. Claro que todos temos unha mestura destas características en maior ou menor grao, e incluso cada unha desas características maniféstase no noso carácter con maior ou menor intensidade.
Entendernos psicolóxicamente, identificar patróns no noso comportamento e historia de vida tamén nos axudará a comprender o por que das nosas tendencias políticas e ser máis consciente á hora de expresalas e de tratar de entender e chegar a acordos con aquelas persoas que manifestan tendencias distintas ou incluso opostas. Sempre deben quedar as portas do mutuo entendemento abertas. Todos temos unha sombra, como dicía Carl Jung, e esa sombra representa os aspectos peores da nosa personalidade, os que resultan difícil de aceptar e que residen no noso subconsciente. As experiencias históricas máis terribles demóstrannos que as sombras tomaron o control da vida política e levaron a moitos a cometer, en nome das ideoloxías, tanto dun signo como doutro, as maiores aberracións que un poida imaxinar. Sirvan como exemplo disto os libros "O Home en busca de Sentido", Viktor Frankl, ou "Gulag Archipelago", do ruso Aleksandr Solzhenitsyn.
Nesta búsqueda constante andamos, tratando de entendérmonos a nós propios para logo poder entender ao outro e chegar a un pacto con el que nos permita vivir nesta terra sen ter necesariamente que exterminarnos e incluso chegar a disfrutar da paisaxe variada e rica que nos ofrece a existencia do outro.

Comentarios
Publicar un comentario