Nós, os disléxicos




        Dicía eu o outro día que lectura e escritura xogan e un papel fundamental na transmisión e na conservación da cultura e tamén vimos un exemplo de como ás veces xogan o papel contrario, ameazando con impoñerse e destruír a  cultura doutro pobo, como no caso do Yazidí, que soubo reaxir  cunha solución radical: impedir que os seus membros aprendesen a ler e a escribir , estratexia que parece ter resultado exitoso de cara a impedir que o Islám e a súa cultura -porque toda relixión ven da man dunha cultura en particular- borrasen do mapa a súa propia. Como todo instrumento cultural, a lingua, oral e escrita, poden ser usadas coma unha arma que aniquila as outras. Non hai máis que pensar no caso do inglés e do francés nos países colonizados por os países de orixe destas linguas, ou mesmo do latín, no pasado.

        O caso dos Yazidíes é o menos común, xa que como estratexia para acceder a unha posición ventaxosa dentro da nosa cultura e sociedade, esforzámonos por aprender a ler e escribir o mellor posible e chegar a ter o que modernamente lle chamamos "competencia linguística" na nosa lingua materna e incluso nun número de segundas e terceiras linguas. Non en van pertencemos a un dos tres pobos chamados da "relixión do libro", por ter codificado a nosa filosofía e ética básicas en tres textos fundacionais: o Corán, a Biblia e a Torá. Mal que lle pese a quen se considere libre de relixión e ateo, a súa forma de conceptualizar a realidade, os valores éticos e morais e incluso a súa conducta, están informadas por ese corpo de ética en forma de metáforas contadas ao estilo das fábulas de Hesopo con moralexa final ,que é  cada un deses libros sagrados. Falaremos disto outro día tamén.

        O caso é que existe en calquera sociedade humana un 15/20% de persoas que herdaron unha particular liña xenética de configuración cerebral na que a parte que seus antergos adoitaban usar para dirixir a a caza e toda a estratexia involucrada nesa vital actividade do pasado, non se reciclou axeitadamente na parte que dirixe a lectura e escritura modernas. Digo isto porque así tal cal se pode describir o problema. Sabemos que a lectoescritura é un fenómeno moderno con respecto á evolución da Humanidade desde a súa presunta aparición ata os nosos días. Sabemos que a zona dereita lateral do cerebro, coñecida como a área de Broca, se ocupaba na Prehistoria e en tempos anteriores á invención da lectoescritura, de todo o relacionado ca caza. Claro que sempre falamos de hipóteses máis ou menos plausibles cando nos referimos á evolución das especies e que por moito que as teorías estean máis ou menos comprobadas, sempre ha vir unha que tumba as anteriores e todos sinalan como a "verdade". Como sexa e polo que sexa, unha parte non despreciable das persoas de todas as culturas, cores e relixións, non pode aprender a ler e a escribir ca facilidade coa que o fai a maioría en condicións de instrucción sistemática nas escolas ou máis ou menos libre, a través do autoaprendizaxe.

        Estas persoas, dicen as estadísticas, engrosan os números de poboación carcelaria en todos os países. Como se pode chegar a ter un risco moitas máis veces elevado de acabar na cadea polo simple e aparentemente inconexo feito de non ser capaz de ler e escribir con facilidade?

        Para empezar, convén saber que este feito constatado estadísticamente, é amplamente ignorado incluso polos profesionais encargados de levar a cabo a instrucción na lectura e escritura dos nosos nenos e nenas. É certo que practicamente todos os mestres e mestras e os legos en temas de pedagoxía oíron mencionar a palabra "dislexia",  e é certo que algúns recibiron certa instrucción a respecto dos "síntomas" que debían tratar de recoñecer nos seus alumnos disléxicos. Pero aí para a cousa. Raramente unha persoa disléxica de calquera parte do mundo atopou un sistema de remedio efectivo e de soporte material e psicolóxico que lle servise para superar a desventaxa á hora de acceder ao mecanismo máis importante de acceso á cultura moderna en practicamente todas as sociedades do mundo. Está por aparecer a escola onde ese 15/20% de nenos disléxicos atopen condicións mínimamente propicias para desenvolver a actividade que en principio se debe dar nas escolas.

        Nada sabía eu tampouco desta amarga realidade, nin como mestra nin como nai nin como persoa curiosa por natureza, e foi así que tiven que despertar de golpe a ela debido a que a miña filla máis pequena resultou ser herdeira daqueles humanos que preferiron destinar a área de Broca a outras fins  en lugar de especializala na linguaxe. E foi como descubrín que o que parecía un desenvolvemento tardío resultou ser o que é calificado nos entornos educativos como "necesidade educativa especial". No fondo resultábame raro que despois de 4 anos de exposición á lingua escrita nada parecera suceder e non arrancase a ler ou a escribir nada que non fose directamente copiado doutro texto, pero como a nosa é unha familia peculiar no linguístico, preferín atribuír esta falta de lectoescritura ao feito de estar a nena exposta a diario a polo menos 4 ou 5 linguas diferentes, haberse mudado de país un par de veces e ter uns pais que falan dúas linguas para comunicarse un co outro. Tamén pensei que como na súa pequena escola Waldorf non se presionaba a ningún neno para forzar os seu ritmo de lectoescritura, nalgún momento ela arrancaría a ler. E non vai desencamiñado o razoamento, pois  é certo que cantas máis linguas escoite un neno pequeno mellor será capaz de aprendelas e máis fácil lle resultará no futuro aprender calquera outra lingua nova que se propoña aprender. Por outro lado, cada neno ten o seu propio ritmo de aprendizaxe e pouco lle favorece un sistema que o force cando non está maduro para aprender e non ten interese por facelo. Porén, neste caso era todo o contrario: o interese era enorme xa dende os 6 anos e parecía que a nivel motor as circunstancias eran as axeitadas para empezar a ler e a escribir. Porén, nada pasou ata que me propuxen averiguar se había algún atranco, a través da instrucción formal na lingua española e galega, utilizando o método fonolóxico -o tradicional. Efectivamente existía ese atranco -e existe- pero despois dun ano de traballo diario e estructurado podemos dicir que a nena le ben para a súa idade, comprende perfectamente ben o que le, e é capaz de expresarse por escrito con relativa competencia. Isto en galego e español. En inglés, que é a lingua na que se atopa socialmente inmersa, que fala con fluidez de nativa, aínda non escribe pero le bastante ben.

        Que pasaría se en lugar de ter un entorno familiar propicio no que se lle proporcionan as ferramentas axeitadas para a súa aprendizaxe houbese tido outro onde as condicións fosen totalmente contrarias? Cal é a relación entre o "éxito" social e educativo e a correcta adquisición da lectoescritura? Polo que sabemos da poboación carcelaria, a relación é directa. Un estudo atopou que o 80% dos presos nunha prisión de Texas era analfabeto, sendo o 48% deles disléxicos. Hai moitos outros estudos similares que apuntan neste sentido. Un non pode menos que preguntarse que papel xogamos os mestres e mestras na vida das persoas á hora de ver cales son as causas do que en moitas ocasións se confunde con folgazanería ("é que é vago e non fai os deberes") ou pasotismo. Precisamente  eses clichés son os que lle permiten a un rapaz agachar a súa dislexia en moitas ocasións ata o fin da escolaridade obrigatoria, cando pode por fin deixar a tortura que significa ir á escola. Non é raro atopar casos de adolescentes en institutos que son "diagnosticados" da súa dislexia por primeira vez, logo de moitos anos de sufrimento. Pois ser disléxico significa lidiar todas as horas de escola con esta incapacidade para ler e escribir con faciliadade, en todas as asignaturas. E non só na escola, senón que na vida fóra da escola tamén deben encontrarse co problema e tratar de agochalo, pois é normalmente obxecto de burla quen tatabexa ao ler ou quen tarda moito en ler un texto ou en comprendelo, ou quen confunde as letras e comete erros ao dicir as palabras, que provocan a burla dos presentes. Ademais a dislexia adoita ir acompañada de discalculia (incapacidade para as operacións matemáticas), disgrafía (incapacidade de escribir con letra lexible) e outras condicións que fan a vida destas persoas un inferno e as levan a desenrolar unha moi baixa aoutoestima e unha personalidade conflictiva como consecuencia da frustración e dos abusos pasados sobre todo na escola, e a mans de compañeiros e tamén de profesores. 

        Por outro lado, cómpre saber que a dislexia se presenta en persoas con coeficiente intelectual medio ou superior á media, e que se dá en persoas moi creativas e con habilidades sociales de relacións de amizade moi importantes, así como en xenios das matemáticas ou das artes, como Einstein ou Leonardo Da Vinci. Este feito fainos preguntar se non habería que considerar a dislexia como unha bendición e aproveitar todas estas características especiais das persoalidades con dislexia.

        Como sexa, é urxentísimo capacitar a mestres e mestras para detectar os casos de dislexia a tempo, pois en nenos con dislexia é urxente adiantar a aprendizaxe formal da lectoescritura, en non pospoñela; igualmente estes mestres deben ser capaces de facilitar o acceso á propia lectoescritura con programas acaídos e tamén facilitar o acceso aos contidos das asignaturas por outros medios, como son o audiovisual, pois un neno que non le é un neno que non accede á información. Que sigan chegando nenos á secundaria sen ter recibido as axudas e os acomodos necesarios durante toda a etapa da primaria é sangrante. Estes acomodos son moitos e moi variados, e por citar algún diría que hai que facilitar máis tempo para que un miúdo disléxico poida acabar as tarefas escritas, para que poida facer os exames etc.

        A información está ao alcance de quen queira acceder a ela. Só é precisa a concienciación e a vontade de cambiar a realidade destas persoas e facilitarlles no posible que cheguen a disfrutar dunha vida en igualdade de condicións co resto de poboación.



Comentarios

Entradas populares de este blog

Enfiando ideas.

Recuperar a identidade perdida