De repente unha pregunta na miña mente: cando empecei a ter conciencia política e social? A pregunta xorde a raíz dun exercicio de gramática árabe que estou completando esta mañá de outono desértico, no que moi ben podemos estar a corenta graos de temperatura. O texto titúlase عاصفة الصحراء , que en galego do noso se pronunciaría algo así como “Asifa Alsaharaa” traduce como “Tormenta do Deserto”, e trata sobre a invasión de Kuwait por parte de Irak e a posterior Guerra do Golfo. A verdade é que o texto é endemoniadamente difícil no gramatical, pois xa ten un nivel alto, e cáseque teño que ir frase por frase tratando de encher un par de ocos -con sorte- cada vez que me sento a darlle un empurrón, a ver se vai. E como non, as constantes interrupcións, típicas de min, inconstante como son, e tamén típicas dos meus días, orientados a satisfacer as necesidades dos moitos seres vivos baixo a miña responsabilidade, que demandan isto ou aquilo, xusto cand...